Creador freelance
Hoxe comezo un dos retos máis ilusionantes da miña vida profesional, co lanzamento dun proxecto propio de servizos de comunicación. É algo que sempre estivo aí, agardando o momento axeitado para agromar, e que agora, por fin, é unha realidade.
Levo moitos anos vencellado ao mundo da comunicación, desde que aló polo 2010 impulsei a creación de Mallando no Android, un medio especializado en tecnoloxía que axiña se convertería no referente do país, e do que xurdirían iniciativas como “Android en Galego”, de gran repercusión.
Ese proxecto serviume para establecer as primeiras relacións de colaboración con medios, axencias e empresas do sector, e abriu o meu apetitito de especializarme en comunicación dixital e redes sociais, campos – xunto cos do marketing e da publicidade – nos que desde aquela non deixei de formarme. Durante a miña carreira profesional, tamén me especialicei na comunicación corporativa e institucional, no seu sentido máis amplo.
Chego até aquí co obxectivo de contribuír cos meus coñecementos aos retos que supoñen a presenza online para calquera profesional, empresa ou institución, cunha carteira de servizos que abranguen a comunicación (comunicación dixital, plans de comunicación e de medios, notas de prensa, relación con medios); a creación de contidos (redación de artigos – posts, copys, manuais, newsletters e outros textos); as redes sociais (xestión de redes e comunidades dixitais, cobertura de eventos corporativos, …); o marketing online (plan de marketing, social ads, publicidade en buscadores, e-mail marketing e mellora de posicionamento); a formación (online e offline, individual e colectiva, con contidos adaptados a diferentes públicos e necesidades…) e outros servizos arredor da presenza online.
Necesitas axuda nestes campos? Non deixes de contactarme, seguro que podo axudarche.
Comezamos! 🚀
Comunicación | Marketing | Tecnoloxía | Turismo